sábado, 30 de abril de 2011

TEMA 4.- O teatro do primeiro terzo do XX: Irmandades, vangardas e Grupo Nós.


Non se conserva ningún texto dramático da Idade Media (aínda que seguramente existiu), durante os Séculos Escuros (XVI, XVII, XVIII) cando se produce o esplendor do teatro nas literaturas europeas, o galego non participa, aínda que cabe destacar que houbo un teatro litúrxico e outro de tipo popular que aínda perdura nas diferentes vilas de Galicia.
Do século XVII data a primeira peza teatral conservada na nosa literatura, que é o Entremés famoso sobre a pesca no río Miño (1671).
No inicio do século XX o teatro segue a ser o xénero menos desenvolvido, ademais de haber poucas obras, tardan anos en representarse. Ao longo das tres primeiras décadas prodúcese un progresivo desenvolvemento.  
De todas formas o teatro é o xénero menos cultivado da literatura galega, por dúas razóns fundamentais: a exclusión da lingua galega dos espazos públicos cultos debido á diglosia (ademais o teatro é un espectáculo social fundamentalmente burgués) e as sucesivas prohibicións de representar en linguas diferentes ao castelán.

Podemos diferenciar catro etapas: un teatro continuador do rexionalismo e coa inserción do galego no medio de espectáculos musicais coa intención de chegar á xente; o teatro das Irmandades da Fala (Cabanillas e Villar Ponte) que xa concibe o teatro como medio de concienciación social, de loita contra o analfabetismo e de regaleguización de masas; o teatro da Época Nós (Vicente Risco, Otero Pedrayo e Castelao) que o europeiza e universaliza; e o teatro das vangardas (Rafael Dieste) que une as vangardas co tradicionalismo.
»        Durante os primeiros anos do século XX intentábase normalizar o movemento rexionalista (nome que se lle daba ao galeguismo de finais do XIX e principios do XX) por iso se funda, na Coruña, a Escola Rexional de Declamación (1903) que se inaugurou coa presentación da obra Filla  de Galo Salinas, quen presidía a Escola. O obxectivo da Escola era consolidar un grupo de teatro estable que garantise a representación de pezas en galego, o que por forza estimularía a súa redacción.

O autor máis destacado neste primeiro intento foi Manuel Lugrís Freire  con obras como A ponte (1903, primeiro drama galego en prosa), Minia ou Mareiras. Para Lugrís Freire a esencia do país era os labregos e os mariñeiros.

»        O teatro das Irmandades da Fala. A transición entre o teatro anterior este estaría representada por algunhas obras de Leandro Carré Alvarellos (Pra vivir ben casados ou Rexurdimento).

O proxecto político e cultural das Irmandades (oficialización da nosa lingua e concienciación social da defensa da nosa cultura) non vai ser alleo ao teatro. A importancia que lle concederon a este xénero púxose de manifesto coa publicación de pezas, estudios e informacións variadas, que apareceron en A Nosa Terra.
O seu interese quedou ben reflectido coa creación do Conservatorio Nacional de Arte Galega (1919),  onde se representa como primeira obra  A man de Santiña, de Cabanillas. Anos máis tarde, o Conservatorio transformouse en  Escola Dramática Galega (1922), e resultou ser a época máis intensa do desenvolvemento do noso teatro.
Os homes das Irmandades non só exerceron o seu labor como escritores, senón tamén como críticos teatrais e tradutores de obras estranxeiras.
Entre as obras máis importantes das Irmandades debemos salientar O Mariscal de R. Cabanillas, xa que mostraba importantes innovacións técnicas. 
Antón Vilar Ponte tamén foi una gran promotor do mundo teatral con A patria do labrego, Endre dous abismos ou Almas mortas.
Cotarelo Valledor con Hostia, Xaime Quintanilla con Alén ou Leandro Carré con O corazón dun pedáneo foron outros autores do teatro desta etapa.


»        O teatro do Grupo Nós. Aínda que o teatro non foi o xénero máis cultivado polo Grupo Nós, si foi un dos temas que maior interese espertou neles. A xeración Nós non utilizou o teatro como arma política ou pedagóxica pero si lle deu un pulo extraordinario dende o punto de vista literario, facéndoo participar das correntes europeas. Ademais con eles aparecen os primeiros elementos simbolistas e surrealismo, superando o realismo do anterior (non só falan de labregos e caciques, tamén de princesas, fantasmas, bocois…).

O teatro de Risco e Otero quedou reducido ao plano literario, pero o de Castelao , mesmo foi escenificada en vida do autor e supervisada por el mesmo.

A única peza teatral publicada de Risco é  O bufón de El-Rei, drama simbolista que se desenvolve na época medieval, toca a “materia de Bretaña”e é unha reflexión sobre a maldade e sobre o inevitable do destino.
Otero pedrayo deixou bastantes pezas escritas: Teatro de máscaras, A Lagarada…
Castelao deixounos Os vellos non deben de namorarse, que é a peza máis famosa do teatro galego. Castelao non concibía o teatro como un simple texto senón como un espectáculo global, polo que adquiren unha grande importancia os artificios escenográficos (iluminación, decorados, máscaras dos personaxes...) e utiliza tamén outras artes, como a música. O motivo do vello namorado repítese tres veces, en tres versións diferentes, nos tres lances. En cada un hai un vello namorado, unha moza e un mozo rival. A morte intervén como personaxe para advertir aos vellos. Finaliza cun epílogo no que aparecen os tres vellos xuntos, mortos, no cemiterio para arrepentírense do seu namoramento e coñecer novas das súas mozas.


»        O teatro da Xeración do 22 ou das vangardas. Representada polas obras de Rafael Dieste como A fiestra baldeira ou O cabalo  de xadrez. En ambas pode observarse tensión entre o individuo e a sociedade.


No hay comentarios:

Publicar un comentario