sábado, 30 de abril de 2011

TEMA 6.- A prosa entre 1936 e 1976: os renovadores da prosa (Fole, Blanco Amor, Cunqueiro e Neira Vilas).


A guerra civil pon fin a etapa política e cultural máis brillantes da historia galega. A guerra reprimiu as actividades políticas e culturais e os seus protagonistas ou foron asasinados como Ánxel Casal ou Isaac Díaz Parga, ou tiveron que exiliarse como Luís Seoane, Díaz Pardo, Blanco Amor, Cunqueiro ou Castelao.
Desaparece a produción literaria en galego por completo. Pero boa parte da cultura resistiu en Bos Aires.
No 50 aparece A xente da Barreira, primeira novela en galego, de Ricardo Carballo Calero. Tamén se funda a editorial Galaxia, editorial que supuxo un continuado renacer da cultura galega. Os homes de Galaxia crean tamén a revista Grial. En coleccións como Salnés  ou Illa Nova conviven xeracións diferentes que comezan a publicar nun primeiro momento poesía e un pouco máis tarde prosa.
Galaxia abre unha nova etapa da literatura coa publicación de libros e revistas establecendo como obxectivo fundamental transmitir a cultura galega ás novas xeracións (Ferrín, Carlos Casares). Non só reeditando aos clásicos da literatura galega senón abrindo a lingua a outros ámbitos científicos o que provocou a actuación da censura franquista.
Nestes anos temos continuadores da tradición narrativa do Grupo Nós que segue Carballo Calero con A xente da Barreira ou o propio Otero con Ente a vendimia e a castiñeira.

Os narradores fundamentais da literatura de posguerra son: Álvaro Cunqueiro, Blanco Amor, Ánxel Fole e Neira Vilas.

ÁLVARO CUNQUEIRO  (realismo fantástico)
Cunqueiro nace en Mondoñedo e o seu pai era boticario e máis tarde estudará en Lugo e Santiago, polo tanto vive sempre nun ambiente culto xa dende neno. De  neno escoitou moitos contos o que influíu no seu gusto pola maneira tradicional de contar  e polo predominio da oralidade no seu estilo. Fundou en Mondoñedo a revista  poética Papel de Color. Máis tarde dedicouse ao xornalismo, concretamente en Faro de Vigo e El Pueblo Gallego,  con  colaboracións  moi  variadas:  traducións,  crítica  literaria,  gastronomía,  historia,  xeografia, arte...
A súa literatura caracterízase por un realismo fantástico, o máxico existe co real e ninguén se estraña. Por iso é usual atoparnos elementos fantásticos nun mundo histórico, mítico e real, sen unha datación no tempo concreta. Personaxes da literatura universal (Merlín, Simbad…) comparten con xentes do pobo galego vivencias e preocupacións.
Trátase dunha literatura que mestura elementos culturalistas de orixe árabe (Simbad), greco-latina (Orestes) ou nórdica (Merlín) con recursos provenientes do mundo popular, de xeito que consegue ligar o máis profundo da nosa imaxinación colectiva a temas literarios de carácter clásico.
Moi influenciado polo culturalismo, presta grande atención á materia de Bretaña e ao mundo medieval e céltico e predomina na súa narrativa o sentido do humor.
Escribe con narradores omniscientes e con unha sintaxe complexa e elaborada. As narracións son lineais e directas pero non se caracterizan por moita contextualización, o importante é o que sucede.
As súas principais novelas son: Merlín e familia (foi a súa primeira obra narrativa en galego e recrea a materia de Bretaña dende a particularidade dunha perspectiva galega),  As crónicas do sochantre,  Se o vello Simbad volvese ás illas;
Escribiu tamén libros de breves relatos de personaxes populares con toda a aparencia de seres reais, aínda que ás veces os seus poderes ou aventuras sexan de natureza marabillosa, relacionadas coas crenzas da nosa cultura tradicional. Os seus principais libros de relatos son: Escola de menciñeiros, Xente de aquí e acolá, Os outros feirantes.
BLANCO AMOR(realismo social)
Toda a súa narrativa se desenvolve en Ourense (que el chama Auria) a principios de século, no ambiente que el vivira de neno.  A súa infancia foi triste pola mala saúde e a separación dos pais. Coñece a moitas figuras importantes na literatura no instituto (Risco), na Arxentina (Borges), viaxando por Galicia (Castelao). Comezou cultivando a  poesía (é un dos  poetas  da vangarda)  nos  anos  anteriores  á  guerra,  pero acadará moita  maior  importancia como narrador.
A súa narrativa plasma a vida das clases obreiras ou marxinais, denunciando as inxustizas que padencen.
É un narrador moderno, as personaxes son tipos reais e psicolóxicos, con predominio da primeira persoa pero con pluralidade de voces narrativas. Está influenciado pola novela picaresca que se pode observar no gusto polas personaxes marxinais. É vangardista, sobre todo en A Esmorga.
Unha das súas obras principais é  A esmorga  de carácter vangardista (renovación na narrativa galega da época), tanto na temática (protagonismo compartido, das clases populares) como na forma (técnica telefónica). Outra moi relevante é Xente ao lonxe que é unha radiografía do Ourense de principios de século a través da experiencia dun grupo de traballadores, vinculados a organizacións de carácter obreiro e sindical, que  loitan por unha escola laica e popular fronte á burguesía que pretende unha escola relixiosa.
Tamén podemos destacar Os biosbardos  que tamén está ambientada no seu Ourense natal. Blanco Amor segue o camiño da preocupación pola problemática social. 


ÁNXEL FOLE:   (realismo popular)
Nace en Lugo no seo dunha familia fidalga. Antes da guerra desenvolve unha actividade nacionalista pero despois decántase por unha actividade culturalista, chegando a traballar como xornalista en El Progreso e impartindo clases particulares..
Na súa narrativa amósase unha temática rural con elementos misteriosos e míticos, típicos da tradición oral (aparecidos, lobos, supersticións, lendas populares...) e combinados cun agudo sentido do humor e normalmente explicados pola lóxica. O popular ascende á categoría de culto a través dun texto que nunca se afasta do relato oral, da xeografía luguesa, da lingua dialectal.
As súa obras está formada case exclusivamente  por libros de contos como Á lus do candil e  Terra brava ambientados nesas montañas  de Lugo e escritos coa  lingua que alí se fala. 


NEIRA VILAS:   (realismo rural)
Foi un escritor que emigrou a Buenos Aires e a Cuba, lugares onde destacou polo seu labor a prol da cultura galega. Pero aínda que incorpora algunha técnica innovadora está moi afastado dos autores da Nova Narrativa Galega.
A temática da obra de Neira Vilas xira arredor da realidade campesiña e a emigración que nacen moitas veces da experiencia vital do autor, cunha  perspectiva de denuncia social. A narración é simple, sen grandes artificios léxicos nin cultismos.
A súa principal obra é Memorias dun neno labrego. Nela, un neno labrego, traballador, pobre, rememora a vida  de pobreza e inxustiza no agro.  O ciclo do neno atopámolo en máis obras: Cartas a Lelo, Aqueles anos do Moncho...
O tema da emigración trátao en obras como Camino bretemoso e Remuíño de sombras. Mostra os problemas xerados a causa da emigración forzosa: a morriña da terra, a loita por saír da miseria…

No hay comentarios:

Publicar un comentario