martes, 1 de marzo de 2011

TEMA 9.- A literatura do exilio entre 1936 e 1976: poesía, prosa e teatro.


No 1936 prodúcese un golpe de estado militar contra a república e estala a Guerra Civil. É o feito máis relevante da historia española do século XX, as consecuencias da guerra foron moi traumáticas: gran mortalidade, desastre económico, represión política e lingüística brutal incluída a disolución do partido galeguista e o exilio de moitos galeguistas,  e o final dun goberno democrático que foi substituído por unha ditadura, o franquismo, que durará ata a morte do xeneralísimo Franco.
O galeguismo político foi marxinado e perseguido pola ditadura. O Partido Galeguista mantivo actividade nos 40 con Ramón Piñeiro como enlace interno e co exterior e da súa man desapareceu no 1950 para dar paso ao galeguismo cultural de Galaxia. Tamén no exilio mantivo a súa presenza a través do Consello de Galiza especie de goberno galego, presidido por Castelao.
En Galicia o franquismo fíxose moi rápido co poder. As institucións e editoriais de carácter galeguista (A Nosa Terra, Nós, Irmandades, Seminario de Estudos Galegos...), agás a RAG, desaparecen en 1936. A guerra cortou as actividades políticas e culturais e os seus protagonistas ou foron asasinados como Ánxel Casal, ou tiveron que exiliarse como Castelao. Os que permaneceron aquí quedaron totalmente silenciados (exilio interior) como Otero Pedrayo. Ata 1947 non se publica o primeiro poemario de interese, Cómaros verdes, de Iglesia Alvariño e en 1951 aparece a primeira novela: A xente da Barreira de Carballo Calero.
Moitos intelectuais galegos tiveron que exiliarse por motivos políticos, polo que, durante os primeiros anos da ditadura, a literatura galega so puido ter continuidade en América, onde xa existía unha importante actividade cultural no seo da colectividade emigrante. Bos Aires foi a cidade na que se desenvolveu a maior parte das iniciativas, pois nela había un enorme numero de galegos inmigrados e nela coincidiron Castelao, Seoane, Dieste, Blanco Amor ou Lorenzo Varela.
No exilio proseguiuse o labor político e cultural a prol de Galicia. O centro da actividade literaria trasládase a México e Bos Aires. O labor cultural dos emigrados concretouse en diversas iniciativas:
·         A creación de  organizacións políticas: Consello de Galiza (Castelao).
·         A creación de revistas culturais e literarias: Céltiga, Terra, Galicia, Galicia Emigrante, Vieiros...
·         A creación de editoriais e coleccións para a publicación de libros en galego: Emecé, Nova, Cuco-rei, Botella al mar…
·         A consolidación do teatro galego, coa posta en marcha de compañías teatrais.
·         A creación de programas radiofónicos para a divulgación da cultura galega (Recordando Galicia, Galicia Emigrante...)

Poesía:

No ámbito da poesía destacaron, principalmente, tres autores: Luis Seoane, Lorenzo Varela e Emilio Pita.

*   LUIS SEOANE, veu de neno para Galicia e no 36, logo de meses na clandestinidade, puido saír do país. Creador polifacético (pintor, poeta, ensaísta, dramaturgo...) en Bos Aires tivo unha actividade variada e intensa: fundou revistas (Galicia Emigrante), ilustra libros, radio… É o fundador de Sargadelos.
As características da súa poesía son: un estilo realista, ás veces case xornalístico; dominio do verso longo; unha dimensión política e social;  conexión co mundo artístico; temática preferentemente social co predominio do tema da emigración e o coñecemento histórico e cultural.
Algunhas das súas obras son: Fardel de eisiliado, Na brétema, Santiago, As cicatrices e A maior abondamento.

*    LORENZO VARELA, estudou filosofía e letra e era de formación marxista. En Bos Aires fíxose amigo de Luis Seoane. Destacan dous títulos:  en Lonxe, mestura o intimismo amoroso coa nostalxia pola terra e a  denuncia social. En Catro poemas para catro gravados recrea figuras da historia de Galicia e foi ilustrado por Luis Seoane.

*    EMILIO PITA, a súa poesía caracterízase pola musicalidade, a importancia da Natureza e o compromiso e reflexión sobre a Guerra Civil. Ten como obra fundamental a titulada Jacobusland , ilustrada por Castelao. Outras obras son: Cantigas de nenos, Os relembros.As cantigas, O ronsel Verdegal.


Narrativa:

Escritas no exilio e case todas publicadas na democracia. Son obras realistas e cargadas de elementos autobiográficos que tratan o tema da guerra civil, así como o dos anos inmediatamente posteriores. O mundo dos fuxidos, da guerrilla antifranquista e da represión son debuxados nuns textos directos que case sempre empregan un narrador en 1ª pers., outorgándolle deste xeito unha confidencialidade notábel á historia.

Na narrativa do exilio hai que salientar a Ramón de Valenzuela e Silvio Santiago, sen esquecer tampouco as figuras de Eduardo Blanco Amor e Rafael Dieste, que desenvolveron parte da súa actividade literaria no exilio.


*    RAMON DE VALENZUELA, foi un militante do partido galeguista, e estivo exiliado en Bos Aires onde colaborou con Galicia Emigrante. A súa obra ten un marcado carácter autobiográfico e nela domina a acción sobre a descrición, empregando técnicas do relato oral (como o uso da primeira persoa) e reflectía nelas o mundo da guerra e da posguerra.
Destacan as súas obras Non agardei por ninguén e Era tempo de apandar.

*    SILVIO SANTIAGO, exiliouse en Venezuela fuxindo por Portugal. Escribiu Vilardevos, unha autobiografía na que se reflicte o mundo rural e as lembranzas cargada de crítica social. O silencio redimido é outra das súas obras de carácter autobiográfico conde trata o tema da condena, a fuxida e o desterro.


Teatro:

Tamén no teatro foi moi significativo o labor dos emigrados galegos.
*    CASTELAO estreou en Bos Aires a comedia Os vellos non deben de namorarse, sobre os amores de tres vellos por tres mozas. Dálle gran importancia aos  aspectos escenográficos e teatrais sobre o texto (máscaras, coro…). Estrutura a obra en prólogo, tres lances e un epílogo. Os personaxes son extraídos da sociedade galega da época (boticario, fidalgo  arruinado e labrego rico). Ten grande relevancia o simbolismo e a visión crítica dos valores sociais.

*    MANUEL VARELA BUXÁN, fundou en Arxentina a compañía “Aires da Terra” que representa a súa primeira obra Se o sei... non volvo a casa. Máis tarde estréase Os vellos non deben de namorarse en alternancia  con Taberna sen dono. Funda a compañía de Teatro “Compañía Gallega Maruja Villanueva” e anos despois  volve á casa. O seu teatro é popular de  ambientación rural e cunha liña cómica e sentimental. Outras das súas obras son: O ferreiro de satán e O cego de Fornelos.

Tamén en Bos Aires Blanco Amor dirixiu o Teatro Popular Galego  e escribiu varias pezas.

TEMA 10.- A poesía de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Poetas e tendencias actuais máis relevantes.


No ano 1975 morre Franco e tres anos máis tarde as Cortes democráticas aproban a  Constitución de 1978 actualmente en vigor. Establécese nela a cooficialidade de galego e castelán en Galicia pero o recoñecemento oficial prodúcese no ano 1981, no Estatuto de Autonomía. Nos sucesivos anos entraron en vigor leis que normalizaban a situación do galego.  A sociedade galega deixa de ser maioritariamente rural e agrícola, deixa de ser un país de emigrantes para converterse nun país que acolle inmigrantes, aumenta a esperanza de vida e comeza un progresivo envellecemento da poboación. En resumo, Galicia, ao igual que España, democratízase e a súa sociedade sofre cambios. Este contexto socio-político sitúa ao galego nunha situacións en que se pode editar de todo, é dicir, aparece a pluralidade temática.
Na década dos 80 houbo un aumento exponencial do número de obras publicado, favorecido pola introdución do galego no ensino, que abre unha demanda potencial de lectores novos con expectativas radicalmente distintas ao lector dos anos setenta (universitario, ideoloxizado...), o que explica a aparición dunha boa literatura infantil e xuvenil e tamén a orientación temática dunha parte considerábel da literatura.
Isto supuxo que se multiplicasen as empresas editoriais (Galaxia, Sotelo Blanco, Bahía, Xerais, A Nosa Terra…), os premios (Premio Blanco Amor e Xerais) e revistas literarias (Biblos=Círculo de Lectores).
O último terzo so século XX e principios do século XXI é unha época caracterizada por unha eclosión poética e por un forte cambio temático e formal que supón a decadencia da poesía social e realista e a aparición dunha maior diversidade temática e formal.

Cómpre chegar a 1976 para que obras como Con pólvora e magnolias de Xosé L. Méndez Ferrín e Mesteres de Arcadio López Casanova comecen a explorar novas vías formais e  o discurso poético se abra a contidos de carácter intimista, existencial e cultural. O cambio tiña que vir dado por un home metido de cheo na política e na protesta social como Méndez Ferrín. Será a partir da década dos 80 cando se consolide esta tendencia, dominada polo culturalismo, pola preocupación formal e pola apertura temática. E na década dos 90 xorde una actitude crítica fronte á etapa anterior, tanto na linguaxe poética como nos temas.
Co remate da ditadura e a chegada da democracia préstase máis atención aos recursos formais e á dimensión estética do poema, ademais preséntanse novos temas de carácter intimista, existencial, metafísico, mitolóxico e cultural; e aparecen referencias a personaxes, obras e linguas estranxeiras.
Os autores deste período reúnense en colectivos para ser máis efectivos na loita antifranquista e para darse a coñecer dunha maneira máis eficaz apoiándose entre si. Os colectivos de maior relevancia son:
·         O Grupo poético Cravo Fondo, enmarcado nunha liña intimista e lírica, que derivará nunha tendencia ao cultismo e ao clasicismo. Algúns dos poetas deste grupo son: Xesús Valcárcel e  Fiz Vergara.
·         O Grupo poético Rompente, que reacciona bruscamente ante toda a poesía anterior, cunha temática na que se inclúe o medio urbano galego e a asimilación das vangardas.  Silabario da turbina e A dama que fala de Antón Reixo son as obras máis representativas.

Xeración dos 80: Cómpre  sinalar que a ampla difusión desta nova fornada de poetas débese sobre todo ao interese da promoción editorial e  revistas poéticas como Coordenadas, Dorna, Escrita, Cen Augas e dos abundantes premios de poesía convocados por institucións privadas ou por concellos e deputacións... como o Esquío ou o Facho.

Os autores comezan a publicar a principios desta década e rexeitan a estética socialrealista comparten unha trazos comúns, como son:
»     Culturalismo e fixación dunha lingua literaria: nas súas composicións botan man de elementos das literaturas portuguesas, española, hipanoamericana e univesal, desde os clásicos grecolatinos ata a época contemporánea. E doutras ciencias e artes como a filosofía, a mitoloxía, a música...etc.
»     Cosmopolitismo
»     Preocupación formalista: que se reflexa nun código lingüístico máis elaborado e de maior corrección.
»     Apertura temática e grandes temas poéticos: destacan os temas como o amor, o erotismo, o paso do tempo, a nostalxia, a morte, a soidade…

En resumo, toda esta poesía está dominada por un ton melancólico, unha grande riqueza expresiva e formal e unha forte dose de referencias culturais que poñen de manifesto a grande influencia de Méndez Ferrín e Cunqueiro.
Algúns dos autores e obras máis destacados son:
o   Eusebio Lourenzo: Os días olvidados, O corpo e as sombras…
o   Miguel Anxo Fernán Vello: Memorial de brancura, Libro das paisaxes vivas…
o   Pilar Pallarés:  Entre lusco e fusco, Sétima soidade, O libro das devoracións…
o   Claudio R Fer: Poemas do amor sen morte, Histria da lúa, Tigres de ternura…
o   X.M Álvarez Cáccamo: Praia das furnas, Arquitecturas de Cinza…
o   Xavier R. Baixeras:  Beira Norte, Fentos no mar…
o   Manuel Rivas, Lois Pereiro…

Xeración dos 90 e inicios do XXI: Seguen publicando os poetas anteriores e aparecen outros escritores novos que se caracterizan por:
»     Carácter vangardista, rupturista.
»     Abordan temas sociais defendendo alternativas como a antiglobalización, o feminismo, a antimilitarismo, o ecoloxismo…
»     Reinterpretan  a tradición en clave humorística, satírica ou ideolóxica.
»     Leva a cabo un reflexión literaria tratando temas eternos (amor, vida, morte) de forma renovadora.
»     Triúnfa o perfomance, é dicir, combinan elementos e a poesía deixa de ser lida para pasar a ser un espectáculo.
»     Importante presenza de voces femininas que falan desde a súa experiencia.
»     Optan por unha linguaxe próxima e intelixible que atraia ao lector.

Procuran novos formatos para a difusión da poesía como recitais en pubs, festas, concertos… para achegar a poesía á mocidade. Xorden novas coleccións de poesía (Illa Verde) e aumenta o número de certames poéticos e de institucións que conceden premios como Pen Clube ou Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).
Co obxecto de canonizar a poesía galega en 1992 Xerais publica Para saír do século. Nova proposta poética de Luciano Rodríguez e Teresa Seara.
Da poesía dos 90 podemos destacar:
o   Yolanda Castaño: Vivimos no ciclo das erofanías…
o   Emma Pedreira: Diario bautismal dunha anarquista morta…
o   Lupe Gómez: Os teus dedos nas miñas bragas con regra…
o   Martín Veiga: As últimas ruinas…
o   Chus Pato: Urania, Nínive, A ponte das poldras…
o   Batallón Literario da Costa da Morte: Rafa Villar, Miro Villar, Fran Alonso…

TEMA 11.- A prosa de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Prosistas e tendencias actuais máis relevantes.


No ano 1975 morre Franco e tres anos máis tarde as Cortes democráticas aproban a  Constitución de 1978 actualmente en vigor. Establécese nela a cooficialidade de galego e castelán en Galicia pero o recoñecemento oficial prodúcese no ano 1981, no Estatuto de Autonomía. Nos sucesivos anos entraron en vigor leis que normalizaban a situación do galego.  A sociedade galega deixa de ser maioritariamente rural e agrícola, deixa de ser un país de emigrantes para converterse nun país que acolle inmigrantes, aumenta a esperanza de vida e comeza un progresivo envellecemento da poboación. En resumo, Galicia, ao igual que España, democratízase e a súa sociedade sofre cambios. Este contexto socio-político sitúa ao galego nunha situacións en que se pode editar de todo, é dicir, aparece a pluralidade temática.
Na década dos 80 houbo un aumento exponencial do número de obras publicado, favorecido pola introdución do galego no ensino, que abre unha demanda potencial de lectores novos con expectativas radicalmente distintas ao lector dos anos setenta (universitario, ideoloxizado...), o que explica a aparición dunha boa literatura infantil e xuvenil e tamén a orientación temática dunha parte considerábel da literatura.
Isto supuxo que se multiplicasen as empresas editoriais (Galaxia, Sotelo Blanco, Bahía, Xerais, A Nosa Terra…), os premios (Premio Blanco Amor e Xerais) e revistas literarias (Biblos=Círculo de Lectores).
Como característica desta nova etapa debemos destacar unha maior diversificación en todos os aspectos: de estilos, de temas e de rexistros lingüísticos. Ademais publícanse parte das novelas centradas na guerra civil e posguerra, case todas escritas moitos anos antes no exilio.
A narrativa dos 80 supón toda unha serie de cambios importantes provocados polos cambios políticos, a proliferación de editoriais (Xerais e Sotelo Blanco) e a aparición de premios (Premio Blanco Amor e Premio Xerais). Esta situación xera un mercado estable e a aparición de novas voces literarias.
Os autores máis destacados deste período obteñen certa relevancia dentro da nosa  literatura por gañar algún dos dous premios anteriores. É o caso de autores como: Freixanes, Alfredo Conde, Martínez Oca ou Xavier Alcalá. Estes autores abarcan diferentes xéneros e temáticas:
r  a novela histórica: O triángulo inscrito na circunferencia de Freixanes
r  a novela xeracional: A nosa cinza de Xavier Alcalá
r  a novela experimental: Un ano e un dia de Martínez Oca
r  a novela realista: Fumes de papel de Alfredo Conde
Unha das novidades deste período é a aparición da narrativa feminina ou feminista que lle da unha nova reinterpretación ao feito literario. É o caso de voces como as de:
-       María Xosé Queizán en Amantía  ou Amor de tango e
-       Margarida Ledo en Mamá-Fe, obra baseada no mundo audiovisual.
Espazo á parte merece a literatura experimental e a ruptura cos xéneros literarios tradicionais de Suso de Toro con obras como Caixón desastre, Polaroid ou Land Rover.
Neste período fecundo da nosa historia cultural, que corresponde co final da vida dos vellos mestres nados nas primeiras décadas do século (Blanco Amor, Cunqueiro...) e mais coa obra de madureza dos mozos que participaron na recuperación cultural dos anos 50 e 60 (Ferrín, Casares, Neira Vilas...) incorpóranse á literatura galega moitos novos narradores.
Na década dos 90 seguen tendo moito vigor algúns dos xéneros precedentes (novela xeracional, realista, histórica, experimental) e aparecen outros novos como a crónica ou o diario, que procuran un punto de encontro entre a narración literaria e o xornalismo.
A década dos 90 vaise caracterizar pola proliferación de novas liñas temáticas:
r  Histórica:  Segue a ser unha das liñas máis cultivadas na década dos 90, ben como reconstrución dun pasado mítico ou ben dende perspectivas realistas. Continúa con Darío Xoán Cabana e María Gándara.
r  Policial: o xénero de maior difusión vai ser a novela policial pensada para o público xuvenil e pola súa difusión a través do ensino: Crime en Compostela de Carlos G Reigosa.
Dentro deste xénero a novela negra permite introducir notas de costumismo urbano e crítica social ademais dun certo  experimentalismo expresivo. Un exemplo pódese observar en obras de Roque Morteiro, pseudónimo de Xelís de Toro.
A presenza de humor esperpéntico mesturado cunha fina crítica social e costumes ten cabida na narrativa humorística…(Gonzalo Navaza, Xavier Alcalá).
r  Ficción científica: Iniciada por Ramón Caride con Soños eléctricos.
r  Erotismo: Bieito Iglesias
r  Sentimentalismo: Ramiro Fonte
r  Western: Reigosa
r  Xénero fantástico e marabilloso:  cultivado por Darío Xoán Cabana e Xosé Miranda.
r  Urbano e experimental: A derradeira das liñas temáticas é a narrativa urbano  e experimental, centrada na exploración da marxinalidade urbana nas novelas de Suso de Toro ou Cid Cabido.
r  Un fenómeno exclusivo é a literatura bravú, transgresora e irreverente cos canons literarios tradicionais (Jaureguizar, Fran Alonso…).
Outros autores apostan polo tratamento poético da linguaxe, é o caso de Anxo Angueira ou Ramiro Fonte.
Os autores desta etapa teñen o seu recoñecemento literario en Galicia e fóra, coa tradución e os premios acadados. Os máis significativos son:
0   Manuel Rivas. Ela, maldita alma, Que me queres amor?, O lapis do carpinteiro  
0   Xosé Carlos Caneiro.  Un xogo de apócrifos, O infortunio da soidade, A rosa de Borges, Ébora, Tres tristes tigres             

Nos últimos anos desta etapa está a producirse un boom de narrativa de mulleres (como sucedera pouco antes na poesía) que aínda sendo moi variada posúe algúns trazos comúns: protagonismo feminino, cuestionamento dos valores patriarcais e dos roles tradicionais, as relacións entre mulleres...

Mención á parte merece a literatura infantil e xuvenil. Algúns dos seus autores, aínda que ningún deles se dedica en exclusiva a este xénero son:
*    Marilar Aleixandre A expedición do Pacífico
*    Fina Casalderrey autora de grande éxito con moitas das súas obras, desde nenos pequenos ata adolescentes, con multitude de premios e traducida a todas as linguas da península. ¡Asústate, Merche!, O misterio dos fillos de Lúa, Dúas bágoas por Máquina...
*    Agustín Fernández numerosos títulos e ampla variedade temática. Cartas de inverno, Aire negro, Trece anos de Branca, Rapazas, Cos pés no aire,  Noite de voraces sombras

Os comezos do novo século vanse caracterizar pola continuidade na diversidade de xéneros e pola ampliación de liñas temáticas.
»     continuidade da novela negra: Diego Ameixeiras ou Marcos Calveiro (Festina lente)
»     continuidade novela histórica con Teresa Moure (Herba moura).
»     literatura feminina con Anxos Sumai (Así nacen as baleas) ou Teresa Moure (Benquerida catástrofe).
»     Exploración de novas realidades como  Yolanda Zúñiga (Vidas Pos-it) ou Senchu Sende (Made in Galiza)