sábado, 30 de abril de 2011

TEMA 7.- A Nova Narrativa galega. Características, autores e obras representativas.


Galicia despois da guerra civil sufriu a ditadura franquista. A segunda guerra mundial rematará no 1945 o que provocou unha situación desastrosa en España, xa que había fame e os alimentos escaseaban.
Foi na década dos 50, cando se iniciou a recuperación da literatura galega. Xurdiu un grupo de mozos que incorpora á nosa narrativa novos motivos e novas técnicas relatoras, son os integrantes da Nova Narrativa Galega. Non se pode falar en sentido estrito dunha escola ou grupo homoxéneo, mais úneos a súa formación universitaria, con claras inquietudes galeguistas, viaxeiros por Europa e coñecedores da literatura europea e americana. E no plano literario, a súa intención innovadora e o desexo de ruptura formal coa tradición narrativa.
A “Nova Narrativa Galega” é un movemento de renovación temática e técnica no que incluímos un conxunto de obras  publicadas entre 1954 e 1971. Compartían actividades con outros narradores e poetas dos  50: publicaron a colección “IIla Nova “ de Galaxia, participaron nas Festas Minervais...
Están especialmente influenciados polo Nouveau Roman (novela nova) que é un movemento literario que ocupa as décadas dos 50, 60 e 70 na literatura francesa. Os principais trazos das obras deste movemento son:
-       Ambientación en mundos imaxinarios e situacións absurdas e irracionais
-       Cousificación do humano e a súa animalización (a deshumanización do ser humano como froito da problemática social)
-       Concédelle ás cousas a mesma importancia que aos personaxes, que deixarán de ser o centro
-       Creación de personaxes problemáticas (antiheroes)
-       Antisentimentalismo
-       Multiperspectivismo e a pluralidade de voces narrativas, que se alternan e superpoñen, mesturando ás veces as persoas gramaticais.
-       Inventos lingüísticos
-       Fusión xenérica
-       Técnica cinematográfica (Enfoque obxectalista no que o narrador non rexistra máis que os feitos que percibiría unha cámara)...
Ten como obxectivo a implicación do lector facéndoo buscar no subconsciente dos personaxes as razóns da súa conduta e a reconstrución da historia baseándose nas diferentes perspectivas que se lle dan.
Estes autores incorporan á literatura galega técnicas  e temáticas da literatura universal, como a presenza do complexo mundo do subconsciente: traumas, soños, símbolos... (Freud).  a técnica do monólogo interior (Joyce), o clima de irrealidade e o mundo atormentado con protagonistas illados e impotentes ante unha realidade absurda (Kafka), a desorde cronolóxica (Joyce e Faulkner), o obxectalismo  (Claude Simon), a descrición minuciosa dos estados de ánimo (Proust)  ou  a narración obxectiva (John Dos Passos).
Aínda que con estéticas moi diferentes, podemos  encadrar as  seguintes obras dentro da Nova Narrativa:
*Gonzalo R. Mourullo: Nasce un árbore.
*Xohana Torres: Adiós, María,obra na que trata o tema da emigración.
*Carlos  Casares : Estréase  con  Vento  ferido como  narrador,  un  libro  de  relatos  con  temática  e  técnicas  variadas. Cambio en tres tamén podemos incluíla como unha obra moi renovadora. Máis tarde publicou  Ilustrísima e Os mortos daquel verán nas que a narrativa xa é máis sinxela e realista.
*Méndez  Ferrín: é o autor máis destacado cunha obra moi extensa e moi relacionada entre si, formada por novelas e relatos curtos que comparten a creación dun  mundo fantástico, con forte presenza de violencia e elementos políticos. Tematicamente, trata o absurdo e a falta de sentido da vida, con influencia do existencialismo.
Estaba influenciado por J. R. Tolkien, a quen lle dera clases en Oxford, no aspecto de trasladar o ben e o mal a un mundo paralelo. A produción literaria deste autor segue sendo importantísima ata a actualidade.
Obras: Crónica de Nós, Antón e os Inocentes, Percival  e  outras  historias, Arnoia Arnoia, Arraianos  e No ventre do silencio.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario