martes, 1 de marzo de 2011

TEMA 9.- A literatura do exilio entre 1936 e 1976: poesía, prosa e teatro.


No 1936 prodúcese un golpe de estado militar contra a república e estala a Guerra Civil. É o feito máis relevante da historia española do século XX, as consecuencias da guerra foron moi traumáticas: gran mortalidade, desastre económico, represión política e lingüística brutal incluída a disolución do partido galeguista e o exilio de moitos galeguistas,  e o final dun goberno democrático que foi substituído por unha ditadura, o franquismo, que durará ata a morte do xeneralísimo Franco.
O galeguismo político foi marxinado e perseguido pola ditadura. O Partido Galeguista mantivo actividade nos 40 con Ramón Piñeiro como enlace interno e co exterior e da súa man desapareceu no 1950 para dar paso ao galeguismo cultural de Galaxia. Tamén no exilio mantivo a súa presenza a través do Consello de Galiza especie de goberno galego, presidido por Castelao.
En Galicia o franquismo fíxose moi rápido co poder. As institucións e editoriais de carácter galeguista (A Nosa Terra, Nós, Irmandades, Seminario de Estudos Galegos...), agás a RAG, desaparecen en 1936. A guerra cortou as actividades políticas e culturais e os seus protagonistas ou foron asasinados como Ánxel Casal, ou tiveron que exiliarse como Castelao. Os que permaneceron aquí quedaron totalmente silenciados (exilio interior) como Otero Pedrayo. Ata 1947 non se publica o primeiro poemario de interese, Cómaros verdes, de Iglesia Alvariño e en 1951 aparece a primeira novela: A xente da Barreira de Carballo Calero.
Moitos intelectuais galegos tiveron que exiliarse por motivos políticos, polo que, durante os primeiros anos da ditadura, a literatura galega so puido ter continuidade en América, onde xa existía unha importante actividade cultural no seo da colectividade emigrante. Bos Aires foi a cidade na que se desenvolveu a maior parte das iniciativas, pois nela había un enorme numero de galegos inmigrados e nela coincidiron Castelao, Seoane, Dieste, Blanco Amor ou Lorenzo Varela.
No exilio proseguiuse o labor político e cultural a prol de Galicia. O centro da actividade literaria trasládase a México e Bos Aires. O labor cultural dos emigrados concretouse en diversas iniciativas:
·         A creación de  organizacións políticas: Consello de Galiza (Castelao).
·         A creación de revistas culturais e literarias: Céltiga, Terra, Galicia, Galicia Emigrante, Vieiros...
·         A creación de editoriais e coleccións para a publicación de libros en galego: Emecé, Nova, Cuco-rei, Botella al mar…
·         A consolidación do teatro galego, coa posta en marcha de compañías teatrais.
·         A creación de programas radiofónicos para a divulgación da cultura galega (Recordando Galicia, Galicia Emigrante...)

Poesía:

No ámbito da poesía destacaron, principalmente, tres autores: Luis Seoane, Lorenzo Varela e Emilio Pita.

*   LUIS SEOANE, veu de neno para Galicia e no 36, logo de meses na clandestinidade, puido saír do país. Creador polifacético (pintor, poeta, ensaísta, dramaturgo...) en Bos Aires tivo unha actividade variada e intensa: fundou revistas (Galicia Emigrante), ilustra libros, radio… É o fundador de Sargadelos.
As características da súa poesía son: un estilo realista, ás veces case xornalístico; dominio do verso longo; unha dimensión política e social;  conexión co mundo artístico; temática preferentemente social co predominio do tema da emigración e o coñecemento histórico e cultural.
Algunhas das súas obras son: Fardel de eisiliado, Na brétema, Santiago, As cicatrices e A maior abondamento.

*    LORENZO VARELA, estudou filosofía e letra e era de formación marxista. En Bos Aires fíxose amigo de Luis Seoane. Destacan dous títulos:  en Lonxe, mestura o intimismo amoroso coa nostalxia pola terra e a  denuncia social. En Catro poemas para catro gravados recrea figuras da historia de Galicia e foi ilustrado por Luis Seoane.

*    EMILIO PITA, a súa poesía caracterízase pola musicalidade, a importancia da Natureza e o compromiso e reflexión sobre a Guerra Civil. Ten como obra fundamental a titulada Jacobusland , ilustrada por Castelao. Outras obras son: Cantigas de nenos, Os relembros.As cantigas, O ronsel Verdegal.


Narrativa:

Escritas no exilio e case todas publicadas na democracia. Son obras realistas e cargadas de elementos autobiográficos que tratan o tema da guerra civil, así como o dos anos inmediatamente posteriores. O mundo dos fuxidos, da guerrilla antifranquista e da represión son debuxados nuns textos directos que case sempre empregan un narrador en 1ª pers., outorgándolle deste xeito unha confidencialidade notábel á historia.

Na narrativa do exilio hai que salientar a Ramón de Valenzuela e Silvio Santiago, sen esquecer tampouco as figuras de Eduardo Blanco Amor e Rafael Dieste, que desenvolveron parte da súa actividade literaria no exilio.


*    RAMON DE VALENZUELA, foi un militante do partido galeguista, e estivo exiliado en Bos Aires onde colaborou con Galicia Emigrante. A súa obra ten un marcado carácter autobiográfico e nela domina a acción sobre a descrición, empregando técnicas do relato oral (como o uso da primeira persoa) e reflectía nelas o mundo da guerra e da posguerra.
Destacan as súas obras Non agardei por ninguén e Era tempo de apandar.

*    SILVIO SANTIAGO, exiliouse en Venezuela fuxindo por Portugal. Escribiu Vilardevos, unha autobiografía na que se reflicte o mundo rural e as lembranzas cargada de crítica social. O silencio redimido é outra das súas obras de carácter autobiográfico conde trata o tema da condena, a fuxida e o desterro.


Teatro:

Tamén no teatro foi moi significativo o labor dos emigrados galegos.
*    CASTELAO estreou en Bos Aires a comedia Os vellos non deben de namorarse, sobre os amores de tres vellos por tres mozas. Dálle gran importancia aos  aspectos escenográficos e teatrais sobre o texto (máscaras, coro…). Estrutura a obra en prólogo, tres lances e un epílogo. Os personaxes son extraídos da sociedade galega da época (boticario, fidalgo  arruinado e labrego rico). Ten grande relevancia o simbolismo e a visión crítica dos valores sociais.

*    MANUEL VARELA BUXÁN, fundou en Arxentina a compañía “Aires da Terra” que representa a súa primeira obra Se o sei... non volvo a casa. Máis tarde estréase Os vellos non deben de namorarse en alternancia  con Taberna sen dono. Funda a compañía de Teatro “Compañía Gallega Maruja Villanueva” e anos despois  volve á casa. O seu teatro é popular de  ambientación rural e cunha liña cómica e sentimental. Outras das súas obras son: O ferreiro de satán e O cego de Fornelos.

Tamén en Bos Aires Blanco Amor dirixiu o Teatro Popular Galego  e escribiu varias pezas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario