martes, 1 de marzo de 2011

TEMA 12.- O teatro de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Dramaturgos, tendencias e compañías actuais máis relevantes.


A morte de Franco sinala o inicio do período denominado transición democrática (1975 – 1982). Na escena  política xurdiron diferentes partidos políticos de todos os signos pero finalmente produciuse un acordo tácito entre as principais forzas políticas para realizar unha transición política cara á democracia. A promulgación da Constitución de 1978 dotou a España dun sistema democrático. Establécese nela a cooficialidade de galego e castelán en Galicia pero o recoñecemento oficial prodúcese no ano 1981, no Estatuto de Autonomía. Nos sucesivos anos entraron en vigor leis que normalizaban a situación do galego.  A sociedade galega deixa de ser maioritariamente rural e agrícola, deixa de ser un país de emigrantes para converterse nun país que acolle inmigrantes, aumenta a esperanza de vida e comeza un progresivo envellecemento da poboación. En resumo, Galicia, ao igual que España, democratízase e a súa sociedade sofre cambios.
Este contexto socio-político sitúa ao teatro galego nunha situación na que se produce unha revitalización que nunca tivera na nosa historia literaria, mais de todos os xeitos continúa a ser o xénero menos cultivado,  gozando dunha posición inferior á poesía ou á narrativa.
Un dos momentos máis importantes do teatro galego de finais do século XX ven da man da posta en marcha da Mostra de Teatro de Ribadavia (1973), un festival que serve de referente e un premio que servirá de plataforma aos autores. Se na poesía e na narrativa as mudanzas estéticas virán dadas polos autores das novas xeracións, no teatro serán os dramaturgos do grupo Abrente os auténticos artífices do cambio. Finalizadas as Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia en 1980, e coa aprobación do Estatuto de Autonomía nese mesmo ano, ábrese un novo marco para a creación teatral.
A finais da década Manuel Lourenzo e Francisco Pillado fundan a Escola Dramática Galega (EDG) co obxectivo de formar autores e facilitar a representación, para a publicación dos textos dos autores novos crean os Cadernos da Escola Dramática Galega. O remate desta década vén marcado polo esmorecemento do teatro profesional.
A década dos 80 caracterizase pola aparición de novos proxectos teatrais como a  creación da Compañía Luís Seoane e polas dúas salas de representación, a Luís Seoane na Coruña e a Caritel en Ourense.
O ano de referencia desta década vai ser o 1984, data de creación do Centro Dramático Galego, que nace  co obxectivo de favorecer o desenvolvemento do teatro profesional, a normalización do teatro a partir da representación de autores estranxeiros e a publicación de textos teatrais. Iníciase, polo tanto, a etapa do teatro institucional. Malia a proliferación de coleccións teatrais como Os libros do CDG, a Biblioteca do Arlequín e os Cadernos da Escola Dramática Galega, segue existindo un tecido editorial estable para a publicación. Non se pode  esquecer a creación de premios como o Álvaro Cunqueiro  ou o Rafael Dieste, que posibilitan a publicación e facilitan a representación. Mais tarde aparecerá o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM).




Os autores máis vellos da década dos 80 están moi vencellados ás Mostras de Teatro de Ribadavia e terán un papel moi destacado dentro do panorama teatral galego. É o caso de:
§  Manuel Lourenzo: Traxicomedia do vento de Tebas namorado dunha forca
§  Euloxio Ruibal: Zardigot
§  Vidal Bolaño: Laudamuco señor de ningures.
Os autores máis novos formarán o que se coñece como promoción dos 80 que se caracteriza por:
-       Dimensión simbólica das obras
-       O culturalismo
-       O afastamento da realidade inmediata
-       As reflexións metateatrais
-       A crítica
-       O humor
-       A ironía.
A década vaise caracterizar pola aparición de compañías teatrais profesionais que emprenden a aventura facer do teatro a súa profesión, superando polo tanto a fase de afeccionados na que debían vivir doutro traballo. Podemos destacar Sarabela Teatro, en Ourense, como compañía exitosa que segue en 1ª liña na actualidade. Outras son Teatro do Morcego ou Teatro do Atlántico.
As voces máis destacadas deste grupo son:
§  Miguel Anxo Fernán-Vello: A casa dos afogados
§  Xesús Pisón: Ei, Feldmühle
§  Manuel Guede: O nome dos disfraces

A década dos 90 caracterízase pola maior implicación dos autores teatrais co xénero. As súas obras caracterízanse pola intertextualidade, a revisión da tradición autóctona e a revisión dos modelos xenéricos.
Destacan dentro da promoción dos 90 dramaturgos como:
§  Miguel Anxo Murado: A grande noite de Fiz
§  Cándido Pazó: Raíñas de pedra, O merlo branco, Ñikiñaque, Binomio de Newton e García.
§  Raúl Dans: Lugar
§  Manuel Núñez Singala: Comedia bífida
§  Teresa Moure: Unha primavera para Aldara


No hay comentarios:

Publicar un comentario