miércoles, 1 de junio de 2011

TEMA 1.- A poesía das Irmandades da Fala. Características, autores e obras representativas.


O século XX supón en Galicia o nacemento do agrarismo, o do nacionalismo, a continuación da emigración e a aparición do movemento obreiro. Ademais o movemento agrario leva a cabo unha gran presión social en contra dos foros e consegue a lei de rendición dos foros na Ditadura de Primo de Rivera (1923-1930).
A comezos do século XX Galicia seguía sendo  eminentemente rural, en consecuencia atopamos unha sociedade formada na súa maioría por labregos e mariñeiros, cunha estrutura socioeconómica continuísta dos séculos anteriores. Non obstante, neste primeiro terzo do século comezan algúns cambios: os labregos reivindican a propiedade da terra protagonizando un poderoso movemento social (agrarismo), a fidalguía entra en decadencia e a burguesía, que fala castelán, representa o novo mundo urbano en vías de crecemento.
O proceso de substitución do galego polo castelán viu da man da industrialización e urbanización, isto é, do abandono da cultura tradicional.  Xorden a principios de século organismos e agrupacións que resultan de gran relevancia cultural e política para Galicia, a lingua galega e a súa literatura.
Despois do rexurdimento, na literatura galega abriuse unha nova etapa marcada pola continuidade temática e formal dos seguidores de Rosalía, Curros e Pondal.  Pero en 1916 xorden na Coruña as Irmandades da Fala, que axiña se estenden por toda Galicia. O seu obxectivo máis inmediato é a defensa do idioma galego para recuperar a cultura. No 1918 decláranse nacionalistas, mais no 1922 escindiranse nunha liña política e outra cultural, arredor desta nacerá a revista Nós.

Ao redor das irmandades da fala concéntranse os autores máis importantes desta época. As dúas figuras máis importantes foron Ramón Cabanillas e Noriega Varela.

0     ANTONIO NORIEGA VARELA: (1869-1947).
É o primeiro autor que marca tímidamente o comezo dos novos camiños da poesía galega e podemos consideralo o máis destacado representante dunha xeración de transición ou “antre dous séculos” como dixo Méndez Ferrín xa que acepta o popularismo, o costumismo e o sentido cívico dos seus predecesores pero tamén ten influxos do modernismo e da literatura portuguesa.
Estudou no Seminario de Mondoñedo, lugar onde naceu e obtivo o título de mestre, sendo o seu primeiro destino Foz.
Colaborou co xornal agrarista ¡Guau, guau! e máis tarde escribe uns versos como poeta cívico para Acción Gallega (organización agraria). Por iso, perde o seu posto en Foz e é trasladado a Calvos de Randín. Despois múdase a Trasalva onde inicia amizade con Otero Pedrayo, grazas o cal entrará en contacto con intelectuais da época como V. Risco ou Branco Amor. Será membro da RAG e morrerá en Viveiro.
Escribiu unha soa obra que ampliou ao longo da súa vida: Do ermo, que nas primeiras edicións titulara Montañesas.
Fixo poesía costumista, cívica (agrarismo) e poesía intimista e paixasística onde a montaña representa a pureza, a tradición e o cristianismo. Tivo influencias de autores portugueses como o seu amigo o saudosista Teixeira de Pascoaes.


0   RAMÓN CABANILLAS: (1876-1959)
É o poeta máis destacado da época das Irmandades e ademais recolle a inquedanza de Rosalía, o celtismo de Pondal e a protesta de Curros (toda a nosa tradición) con elementos renovadores modernistas.
A súa profunda formación clásica vénlle da súa permanencia de varios anos nun seminario. Durante algún tempo viviu en Cuba.
Nace e morre Cambados e o seu primeiro libro foi No Desterro no que recolle poemas de carácter intimista, costumista e agrarista (anticaciquil) mostrando a súa solidariedade cos labregos na súa loita pola redención dos foros. Escribiu o Himno de Acción Gallega, que chegou a ser un verdadeiro símbolo popular e converteu a Cabanillas en herdeiro natural de Curros. Colaborou coas Irmandades e foi membro da RAG.
Editou Da Terra Asoballada de carácter reivindicativo da identidade política e cultural de Galicia. A oposición que describe xa non é cacique/labrego, senón Galicia/Castela.  Máis tarde ingresou na RAE e participou na fundación do Partido Galeguista.
No libro Na Noite estremecida Cabanillas publica tres longos poemas narrativos que tratan a materia de Bretaña dándolle unha mensaxe nacionalista. Emprende unha actualización da materia de Bretaña, galeguizándoa e adaptándoa para conseguir unha mensaxe nacionalista.
 Xa na posguerra publica Samos onde Cabanillas recupera a súa maior altura poética con poemas cheos de desenganos e morriña.  Do seu labor como tradutor deixounos Versos de alleas terras e de tempos idos.



No hay comentarios:

Publicar un comentario