miércoles, 1 de junio de 2011

TEMA 1.- A poesía das Irmandades da Fala. Características, autores e obras representativas.


O século XX supón en Galicia o nacemento do agrarismo, o do nacionalismo, a continuación da emigración e a aparición do movemento obreiro. Ademais o movemento agrario leva a cabo unha gran presión social en contra dos foros e consegue a lei de rendición dos foros na Ditadura de Primo de Rivera (1923-1930).
A comezos do século XX Galicia seguía sendo  eminentemente rural, en consecuencia atopamos unha sociedade formada na súa maioría por labregos e mariñeiros, cunha estrutura socioeconómica continuísta dos séculos anteriores. Non obstante, neste primeiro terzo do século comezan algúns cambios: os labregos reivindican a propiedade da terra protagonizando un poderoso movemento social (agrarismo), a fidalguía entra en decadencia e a burguesía, que fala castelán, representa o novo mundo urbano en vías de crecemento.
O proceso de substitución do galego polo castelán viu da man da industrialización e urbanización, isto é, do abandono da cultura tradicional.  Xorden a principios de século organismos e agrupacións que resultan de gran relevancia cultural e política para Galicia, a lingua galega e a súa literatura.
Despois do rexurdimento, na literatura galega abriuse unha nova etapa marcada pola continuidade temática e formal dos seguidores de Rosalía, Curros e Pondal.  Pero en 1916 xorden na Coruña as Irmandades da Fala, que axiña se estenden por toda Galicia. O seu obxectivo máis inmediato é a defensa do idioma galego para recuperar a cultura. No 1918 decláranse nacionalistas, mais no 1922 escindiranse nunha liña política e outra cultural, arredor desta nacerá a revista Nós.

Ao redor das irmandades da fala concéntranse os autores máis importantes desta época. As dúas figuras máis importantes foron Ramón Cabanillas e Noriega Varela.

0     ANTONIO NORIEGA VARELA: (1869-1947).
É o primeiro autor que marca tímidamente o comezo dos novos camiños da poesía galega e podemos consideralo o máis destacado representante dunha xeración de transición ou “antre dous séculos” como dixo Méndez Ferrín xa que acepta o popularismo, o costumismo e o sentido cívico dos seus predecesores pero tamén ten influxos do modernismo e da literatura portuguesa.
Estudou no Seminario de Mondoñedo, lugar onde naceu e obtivo o título de mestre, sendo o seu primeiro destino Foz.
Colaborou co xornal agrarista ¡Guau, guau! e máis tarde escribe uns versos como poeta cívico para Acción Gallega (organización agraria). Por iso, perde o seu posto en Foz e é trasladado a Calvos de Randín. Despois múdase a Trasalva onde inicia amizade con Otero Pedrayo, grazas o cal entrará en contacto con intelectuais da época como V. Risco ou Branco Amor. Será membro da RAG e morrerá en Viveiro.
Escribiu unha soa obra que ampliou ao longo da súa vida: Do ermo, que nas primeiras edicións titulara Montañesas.
Fixo poesía costumista, cívica (agrarismo) e poesía intimista e paixasística onde a montaña representa a pureza, a tradición e o cristianismo. Tivo influencias de autores portugueses como o seu amigo o saudosista Teixeira de Pascoaes.


0   RAMÓN CABANILLAS: (1876-1959)
É o poeta máis destacado da época das Irmandades e ademais recolle a inquedanza de Rosalía, o celtismo de Pondal e a protesta de Curros (toda a nosa tradición) con elementos renovadores modernistas.
A súa profunda formación clásica vénlle da súa permanencia de varios anos nun seminario. Durante algún tempo viviu en Cuba.
Nace e morre Cambados e o seu primeiro libro foi No Desterro no que recolle poemas de carácter intimista, costumista e agrarista (anticaciquil) mostrando a súa solidariedade cos labregos na súa loita pola redención dos foros. Escribiu o Himno de Acción Gallega, que chegou a ser un verdadeiro símbolo popular e converteu a Cabanillas en herdeiro natural de Curros. Colaborou coas Irmandades e foi membro da RAG.
Editou Da Terra Asoballada de carácter reivindicativo da identidade política e cultural de Galicia. A oposición que describe xa non é cacique/labrego, senón Galicia/Castela.  Máis tarde ingresou na RAE e participou na fundación do Partido Galeguista.
No libro Na Noite estremecida Cabanillas publica tres longos poemas narrativos que tratan a materia de Bretaña dándolle unha mensaxe nacionalista. Emprende unha actualización da materia de Bretaña, galeguizándoa e adaptándoa para conseguir unha mensaxe nacionalista.
 Xa na posguerra publica Samos onde Cabanillas recupera a súa maior altura poética con poemas cheos de desenganos e morriña.  Do seu labor como tradutor deixounos Versos de alleas terras e de tempos idos.



TEMA 2.- A poesía de vangarda. Características, autores e obras representativas.


Nacen nunha época inestable coa primeira guerra mundial, a revolución soviética, o crack do 29... e na que houbo unha gran radicalización social con ideoloxías como o marxismo, o anarquismo ou os nacismos.
A vangarda é un conxunto de movementos artísticos europeos (1910-1930), con afán de ruptura con todo o anterior que se aplica a todos os campos estéticos: pintura, escultura, música, literatura...
As características dos chamados ismos foron principalmente a loita contra a tradición, a confrontación coa burguesía, a provocación e o antirracionalismo ou irracionalismo (inventiva, experimentación...). Polo que aparecen novas temáticas (soños, máquinas...) e técnicas (supresión da puntuación, eliminación da sintaxe, caligramas...).
As principais vangardas internacionais foron abundantes e pouco duradeiras:
     *Expresionismo:
Estaba en contra do naturalismo e do impresionismo, atacaba á burguesía e ao materialismo, reivindicaba  o home primixenio e exaltaba o irracional do instinto. É moi pesimista e a súa linguaxe é agresiva e grotesca. Foi o denominado “arte dexenerado” e algunhas persoas destacadas deste ismo foron: Kandinsky, Kokoschka, Kafka...
     *Ultraísmo:
O primeiro manifesto publicouse na revista Grecia. Alónxase do sentimentalismo e prima a imaxe e a metáfora e innovan na tipografía empregando espazo sen branco e quitando os signos de puntuación. Os literatos máis destacados foron: Cansinos Assens, Borges...
     *Creacionismo:
O poeta chileno Vicente Huidobro
Deste xeito, o poema é unha realidade autónoma froito da intelixencia (ao contrario do surrealismo), servíndose para isto dos xogos de palabras e mais das imaxes fundamentadas nunha relación arbitraria.
     *Surrealismo:
Iníciase en Francia coa superación do dadaísmo. Opoñíase á cultura tradicional burguesa. Buscaba a liberación do home dando vía libre ás manifestacións do subconsciente como a loucura, a hipnose...
Estivo influenciado pola psicanálise de Freud: primacía do soño, o inconsciente...
     *Dadaísmo:
É unha das vangardas máis radicais que se revela contra a lóxica e a racionalidade. Tristán Tzara é un dos autores máis representativos.
     *Futurismo:
Iníciase coa publicación dun manifesto de Marinetti. Exalta todo o excluído das artes suprimindo adxectivos e adverbios como os coches, a industria...
En Galicia as vangardas son un movemento tardío que chegan grazas ao grupo “Nós” , especialmente  a V Risco, que será quen informe a Manuel Antonio dos “ismos” europeos e trate de orientalo.

As vangardas en Galicia:  O grupo Nós co su labor restaurador da nosa cultura a súa visión universalizadora é quen abre as portas á incorporación das vangardas á literatura galega. Especialmente Risco, que será quen informe a Manuel Antonio dos “ismos” europeos e trate de orientalo.
Os vangardistas galegos son mozos nacidos arredor do ano 1900 que reciben tamé o nome de  Xeración do 22, do 25 e os novecentistas. Supoñen unha ruptura e actitude crítica coa poesía anterior: coa tradición de sentimentalismo (saudade, bágoas, queixas), folclorismo (romarías, costumes, rural) e paisaxismo do século XIX, e por primeira vez hay unha integración na poesía europea. ¡Máis alá! foi un manifesto das vangardas galegas e danse a coñecer en revistas como Nós, A Nosa Terra, Alfar, Ronsel, Papel de Cor, Resol, Yunque, Cristal...
Os movementos especificamente galegos ou ismos autóctonos foron principalmente:
     *Neotrobadorismo:
A aparición desta corrente xorde grazas á edición do Cancioneiro de Ajuda  e ás publicacións de cantigas medievais de José Joaquim Nunes.
Os autores representativos son:
Bouza Brey con Nao senlleira
A. Cunqueiro con Cantiga nova que se chama riveira ou  Dona do corpo delgado.
E un dos continuadores Xosé María Álvarez Blázquez.
     *Hilozoísmo:
Foi o movemento poético de máis éxito na época, con multitude de seguidores. Foi unha vangarda tradicionalista. O seu fundador foi Luís Amado Carballo e os seus antecendentes foron Rosalía, Noriega Varela, R. Cabanillas...
A literatura de A. Carballo baseábase na rima asonante, no cromatismo, no cosmopolitismo lingüístico...
As súas principais obras son Proel e O galo
Cabe destacar a Eduardo Blanco Amor como continuador.

     *Creacionismo:
Coincide globalmente co cubismo literario no valor que da ao instantaneísmo (nun só instante percibimos as cousas sen seren coordinadas) e prodúcese o fragmentarismo de imaxes. Manuel Antonio foi o principal autor creacionista da nosa literatura pero podemos achar a pegada deste movemento noutros poetas. Caracterizouse por:
-       Creación dunha visión plural da realidade, a través das imaxes autónomas.
-       Utilización de termos da linguaxe técnica e científica 
-       Escaso emprego dos signos de puntuación, o cal crea interpretacións subxectivas.
-       Carencia de unidade e uniformidade espazo-temporal.
-       O antisentimentalismo, mediante o cal o poeta narra obxectivamente o contado no poema. 

MANUEL ANTONIO (1900-1930)
Representa o mellor autor vangardista en Galicia. É o autor do manifesto Máis Alá.
A súa obra máis relevante é De catro a catro que son follas sen data dun diario de abordo,  19 poemas estruturados como viaxe marítima (presenza do mar), case sempre de noite, simboliza a súa concepción absolutamente pesimista da vida: monótona, repetitiva, en completa soidade (como perdido no mar), e continua despedida.
A súa escrita vangardista podemos dividila en tres etapas: unha primeira de formación, unha de ruptura vangardista e unha final de retroceso. Caracterízase pola ausencia de argumento, a presenza do mar, a monotonía, soidade, simbolismo... Foi moi orixinal xa que non tivo referencias na tradición.

TEMA 3.- A prosa do primeiro terzo do XX: as Irmandades e o Grupo Nós (narrativa, ensaio e xornalismo).



No primeiro terzo do XX foi cando naceu e se consolidou a narrativa contemporánea en lingua galega grazas á aparición dun espazo político e cultural de carácter galeguista e á creación de editoriais como Lar e Nós.
En canto á narrativa non ficcional ven da man dos membros das Irmandades da Fala. Algúns como Cabanillas destacaron máis na poesía aínda que tamén deixou algo de prosa como Antífona da Cantiga, unha antoloxía de textos que prologa e analiza. Hai que destacar a Antón Vilar Ponte polo seu traballo de difusión do ideario das Irmandades e do nacionalismo, do que foi principal figura. As conferencias e os artigos periodísticos constitúen o máis destacado da súa produción. As Irmandades da Fala empregaron xornais e revistas, como A Nosa Terra, a Revista Nós (de carácter cultural), revistas vangardistas como Alfar ou Ronsel… para a difusión das súas ideas dando gran auxe ó xénero xornalístico galego.  
O Seminario de Estudos Galegos ten no seu estatuto o estudo de toda realidade galega polo que consolidará o ensaio galego. Un dos máis importantes é Terra de Melide.
En canto á narrativa ficcional (prosa) procede da produción do Grupo Nós. Era un grupo formado polo Cenáculo Ourensán: Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas. Todos eles foron narradores e cultivaron o ensaio aínda que Cuevillas se centrou exclusivamente neste último. Tiveron unha primeira etapa de “inadaptados” e só a partir de 1918 centraron a súa atención en Galicia
As características comúns a todos eles son a procedencia da fidalguía (clase social con posibles), unha gran formación intelectual, teñen ideas propias (individualismo) e foron os creadores da prosa galega. O seu órgano de expresión foi a revista La centuria.

A Xeración Nós xurdiu a partir deste grupo coa unión de Castelao que procedía do agrarismo. Teñen un gran compromiso político.

>>Vicente Risco aportou obras ensaísticas como Nós, os inadaptados, onde dá a súa visión da súa xeración e das orixes do movemento intelectual que dará lugar a Nós; ou Teoría do nacionalismo galego, que pretende exaltar o ser de Galicia a través da lingua, da terra e da raza. Este segundo ensaio serviu de guía para os nacionalistas antes da II República, de feito converteuse na “biblia” do galeguismo despois da guerra civil.
Aínda que a súa obra é fundamentalmente ensaística tamén foi autor de contos e relatos de base folclórica, mítica ou popular pero o cume da súa obra é O porco de pé, unha descrición de tipos da sociedade galega de xeito cómico e caricaturesco.



>> Ramón Otero Pedrayo é para moitos o mellor novelista desta época. Foi unha figura fundamental no cultivo e modernización da narrativa longa. As súas obras fundamentais son Arredor de si que ten como argumento o retrato da súa xeración e Os camiños da vida que foi a súa primeira novela dun carácter realista. Amosa a sociedade galega rural na súa transformación no século XIX.
Ten tres temas recorrentes na narrativa: a fidalguía (clase social que representa a vida tradicional que o autor critica que a abandone polo éxodo cara a cidade), a tradición como forma espiritual da cultura dun pobo e a paisaxe que goberna a vida do home.
Ademais Otero dedicouse fundamentalmente aos estudos xeográficos e históricos, entre os que podemos destacar Ensayo histórico sobre la cultura gallega.

>> Castelao. Nun principio non pertencía ao Grupo Nós. Foi unha personalidade polifacética que cultivou múltiples campos sempre defendendo Galicia e todos aqueles que sofren. Foi un artista gráfico, pintor e debuxante, pero deixou unha importante obra narrativa.
A súa técnica narrativa caracterízase pola síntese e a selección, sinxela en aparencia mais froito dun laborioso traballo de depuración e escolma.
As obras fundamentais de Castelao son:
Cousas, libro de relatos ou contos acompañados dunha ilustración que complementa ou modifica o significado da narración. Son relatos moi curtos nos que aparecen o humor, a denuncia dunha realidade inxusta e o posicionamento ao lado dos máis débiles. Teñen carga social e ofrecen unha visión realista da sociedade galega e das súas circunstancias.
Os dous de sempre é unha novela que xira en torno a dous personaxes principais moi diferenciados, que narra os acontecementos dende que son nenos ata que chegan á madurez. Xa o título e a imaxe da portada (un paxaro e un sapo) fan referencia aos dous tipos humanos fundamentais: o emprendedor e o conformista.

>>Rafael Dieste. Pertencente á Xeración do 25 escribiu Dos arquivos do trasno (1926), colección de contos de temática variada que xiran ao redor da psicoloxía e das experiencias extraordinarias da xente galega. Vinculados a Cousas porque neles se conta só o esencial, sen elementos superfluos, hai lirismo e humorismo, máis o sentimento non é tan fondo como en Castelao.