sábado, 30 de abril de 2011

TEMA 4.- O teatro do primeiro terzo do XX: Irmandades, vangardas e Grupo Nós.


Non se conserva ningún texto dramático da Idade Media (aínda que seguramente existiu), durante os Séculos Escuros (XVI, XVII, XVIII) cando se produce o esplendor do teatro nas literaturas europeas, o galego non participa, aínda que cabe destacar que houbo un teatro litúrxico e outro de tipo popular que aínda perdura nas diferentes vilas de Galicia.
Do século XVII data a primeira peza teatral conservada na nosa literatura, que é o Entremés famoso sobre a pesca no río Miño (1671).
No inicio do século XX o teatro segue a ser o xénero menos desenvolvido, ademais de haber poucas obras, tardan anos en representarse. Ao longo das tres primeiras décadas prodúcese un progresivo desenvolvemento.  
De todas formas o teatro é o xénero menos cultivado da literatura galega, por dúas razóns fundamentais: a exclusión da lingua galega dos espazos públicos cultos debido á diglosia (ademais o teatro é un espectáculo social fundamentalmente burgués) e as sucesivas prohibicións de representar en linguas diferentes ao castelán.

Podemos diferenciar catro etapas: un teatro continuador do rexionalismo e coa inserción do galego no medio de espectáculos musicais coa intención de chegar á xente; o teatro das Irmandades da Fala (Cabanillas e Villar Ponte) que xa concibe o teatro como medio de concienciación social, de loita contra o analfabetismo e de regaleguización de masas; o teatro da Época Nós (Vicente Risco, Otero Pedrayo e Castelao) que o europeiza e universaliza; e o teatro das vangardas (Rafael Dieste) que une as vangardas co tradicionalismo.
»        Durante os primeiros anos do século XX intentábase normalizar o movemento rexionalista (nome que se lle daba ao galeguismo de finais do XIX e principios do XX) por iso se funda, na Coruña, a Escola Rexional de Declamación (1903) que se inaugurou coa presentación da obra Filla  de Galo Salinas, quen presidía a Escola. O obxectivo da Escola era consolidar un grupo de teatro estable que garantise a representación de pezas en galego, o que por forza estimularía a súa redacción.

O autor máis destacado neste primeiro intento foi Manuel Lugrís Freire  con obras como A ponte (1903, primeiro drama galego en prosa), Minia ou Mareiras. Para Lugrís Freire a esencia do país era os labregos e os mariñeiros.

»        O teatro das Irmandades da Fala. A transición entre o teatro anterior este estaría representada por algunhas obras de Leandro Carré Alvarellos (Pra vivir ben casados ou Rexurdimento).

O proxecto político e cultural das Irmandades (oficialización da nosa lingua e concienciación social da defensa da nosa cultura) non vai ser alleo ao teatro. A importancia que lle concederon a este xénero púxose de manifesto coa publicación de pezas, estudios e informacións variadas, que apareceron en A Nosa Terra.
O seu interese quedou ben reflectido coa creación do Conservatorio Nacional de Arte Galega (1919),  onde se representa como primeira obra  A man de Santiña, de Cabanillas. Anos máis tarde, o Conservatorio transformouse en  Escola Dramática Galega (1922), e resultou ser a época máis intensa do desenvolvemento do noso teatro.
Os homes das Irmandades non só exerceron o seu labor como escritores, senón tamén como críticos teatrais e tradutores de obras estranxeiras.
Entre as obras máis importantes das Irmandades debemos salientar O Mariscal de R. Cabanillas, xa que mostraba importantes innovacións técnicas. 
Antón Vilar Ponte tamén foi una gran promotor do mundo teatral con A patria do labrego, Endre dous abismos ou Almas mortas.
Cotarelo Valledor con Hostia, Xaime Quintanilla con Alén ou Leandro Carré con O corazón dun pedáneo foron outros autores do teatro desta etapa.


»        O teatro do Grupo Nós. Aínda que o teatro non foi o xénero máis cultivado polo Grupo Nós, si foi un dos temas que maior interese espertou neles. A xeración Nós non utilizou o teatro como arma política ou pedagóxica pero si lle deu un pulo extraordinario dende o punto de vista literario, facéndoo participar das correntes europeas. Ademais con eles aparecen os primeiros elementos simbolistas e surrealismo, superando o realismo do anterior (non só falan de labregos e caciques, tamén de princesas, fantasmas, bocois…).

O teatro de Risco e Otero quedou reducido ao plano literario, pero o de Castelao , mesmo foi escenificada en vida do autor e supervisada por el mesmo.

A única peza teatral publicada de Risco é  O bufón de El-Rei, drama simbolista que se desenvolve na época medieval, toca a “materia de Bretaña”e é unha reflexión sobre a maldade e sobre o inevitable do destino.
Otero pedrayo deixou bastantes pezas escritas: Teatro de máscaras, A Lagarada…
Castelao deixounos Os vellos non deben de namorarse, que é a peza máis famosa do teatro galego. Castelao non concibía o teatro como un simple texto senón como un espectáculo global, polo que adquiren unha grande importancia os artificios escenográficos (iluminación, decorados, máscaras dos personaxes...) e utiliza tamén outras artes, como a música. O motivo do vello namorado repítese tres veces, en tres versións diferentes, nos tres lances. En cada un hai un vello namorado, unha moza e un mozo rival. A morte intervén como personaxe para advertir aos vellos. Finaliza cun epílogo no que aparecen os tres vellos xuntos, mortos, no cemiterio para arrepentírense do seu namoramento e coñecer novas das súas mozas.


»        O teatro da Xeración do 22 ou das vangardas. Representada polas obras de Rafael Dieste como A fiestra baldeira ou O cabalo  de xadrez. En ambas pode observarse tensión entre o individuo e a sociedade.


TEMA 5.- A poesía entre 1936 e 1976: a Xeración do 36, a Promoción de Enlace, a Xeración das Festas Minervais.


No 1936 prodúcese un golpe de estado militar contra a república e estala a Guerra Civil. É o feito máis relevante da historia española do século XX, as consecuencias da guerra foron moi traumáticas: gran mortalidade, desastre económico, represión política e lingüística brutal incluída a disolución do partido galeguista  e o exilio de moitos galeguistas,  e o final dun goberno democrático que foi substituído por unha ditadura, o franquismo, que durará ata a morte do xeneralísimo Franco.
Como consecuencia da guerra civil desaparece case por completo a produción literaria en galego durante máis dunha década. A guerra cortou as actividades políticas e culturais e os seus protagonistas ou foron asasinados como Ánxel Casal, ou tiveron que exiliarse como Castelao. A actividade cultural continuada só foi posible no exilio, onde poetas (como Luís Seoane ou Lorenzo Varela) fan poesía crítica e de compromiso.  Os que permaneceron aquí quedaron totalmente silenciados (exilio interior) como Otero Pedrayo.
Logo da guerra civil, haberá que agardar ao final dos anos corenta para podermos asistir a unha tímida recuperación da literatura en galego. Ata 1947 non se publica o primeiro poemario de interese, Cómaros verdes, de Iglesia Alvariño.
En 1949 sae á venta a colección de poesía Benito Soto, dirixida por Celso Emilio Ferreiro, na que se publican obras en verso de Álvaro Cunqueiro, Luís Pimentel, Manuel María e outros autores. No ano seguinte, 1950, constitúese a Editorial Galaxia, que abre o camiño para novas editoras en galego e publicará a revista Grial.
Os poetas galegos destes primeiros anos da posguerra retoman as liñas poéticas menos comprometidas ensaiadas na poesía galega anterior ó conflito bélico: imaxinismo, neotrobadorismo, a poesía paisaxista, o intimismo…
Téndese a agrupar os autores da  poesía galega de posguerra en tres xeracións: a Xeración de 1936, a Promoción de Enlace e a Xeración das Festas Minervais.

a)      XERACIÓN DO 36.  Poetas nados entre 1910-20. Viviron a guerra na súa xuventude pero foron formados intelectualmente no ambiente cultural nacionalista de preguerra e, de feito, todos publicaron antes da guerra e participaron na política nacionalista anterior a 1936.
Retornan a súa actividade nos anos 50 cultivando tendencias, condicionadas pola censura, como o paisaxismo, fantasía, reflexión sobre o ser, amor… E incluso as tendencias poéticas anteriores como o intimismo ou o neotrobadorismo.
Cabe destacar que esta xeración mostra unha angustia de vivir, típica do existencialismo. Autores como Miguel  de Unamuno ou  filósofos como Kierkegard ou Heideger son influencias desta xeración.
Forman parte dela, entre outros, A. Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Aquilino Iglesia Alvariño, Luis Pimentel…

·         Aquilino Iglesia Alvariño: Estuda  en Mondoñedo e adícase á actividade docente. Foi traductor doutras linguas como o alemán e de poesía grecolatina. Nalgunhas das súas obras é un continuador da poesía paisaxistica, noutras adopta un ton existencialista.
En Cómaros verdes acada un dos seus cumes: abandona a rima, gran calidade rítmica e  sonora nos seus versos. As súas obras máis destacadas son: Cómaros Verdes, Lanza de soledáNenias e De día a día.
·         Álvaro  Cunqueiro: Na sección “cantigas do amor cortés” do seu libro Dona de corpo delgado é  un continuador do neotrobadorismo. No seu derradeiro libro Herba aquí ou acolá móstrase o existencialismo e o culturalismo.
·         Celso Emilio Ferreiro: É un dos poetas máis destacados e o máximo representante da  poesía social en Galicia.  A súa  afección  pola  creación  poética e o seu compromiso co galeguismo maniféstase moi cedo. Participou na  guerra civil, no bando nacional; na súa estancia no cárcere acusado de galeguista escribe o poema Longa noite de pedra (poesía cívica da terra).
En  1966  emigra  a  Venezuela. Desde a  súa volta, nos anos 70, desenvolverá unha intensa actividade cultural e política ata a súa morte. En O soño sulagado ou Onde o mundo se chama celanova está presente o intimismo.  A inxustiza,  a violencia,  o  antibelicismo, a situación e a defensa da lingua son os temas principais. En Viaxe  ao país  dos  ananos ofrece unha visión satírica da emigración. Outra obra relevante é Antipoemas, de poesía cívica universal.
A súa poesía está caracterizada por un ton e lingua coloquiais, uns contidos directos e claros e o uso do verso libre. Todo isto fai que nos atopemos cunha  das obras máis popularizadas e musicadas da Literatura Galega, continuando deste xeito a liña de Curros e Cabanillas.
·         OUTROS:
*Luis Pimentel: Triscos. Sombra do Aire na herba (vangardista). (+)
*Xosé María Díaz Castro: Nimbos
*Xosé María Álvarez Blázquez: Neotrobadorista. Poemas de ti e de min. Cancioneiro de Monfero.



b)      PROMOCIÓN DE ENLACE. Promoción de Enlace, nados entre 1920-30. Comezan a súa obra en castelán debido á forte represión. Viven o drama social da posguerra e a pobreza cultural dunha sociedade censurada e bastante illados da cultura europea. A  temática dso seus poemarios é de carácter intimista e pesimista.
Autores representativos:
  Luz Pozo Garza: O paxaro na boca, Verbas derradeiras
  Antón Tovar: Arredores, Calados esconxuros.
  María Mariño: Palabra no tempo, Verba que comeza (póstumo)
  Pura Vázquez: Íntimas, Maturidade



c)      POETAS DAS “FESTAS MINERVAIS”. Poetas nados entre 1930-40 e denomínase  así  esta  xeración  porque  os  seus  integrantes  recuperaron  estes  certames  poéticos. A diferencia da Promoción de Enlace, estes  autores,  que teñen como mestres os da Xeración do 36,  xa viven unhas circunstancias de maior  apertura (levantase a prohibición sobre Grial, a RAG comeza a celebrar o día das letras galegas, aparecen as edicións do Castro, xorden asociación culturais como O Galo ou O Facho, fúndase o ILG, a primeira cátedra para Ricardo Carvalho Calero na USC, Coces Ceives comeza a versionar en Galego…)  e  enriquécense  culturalmente  viaxando  por  Europa. O alto grao de  formación levounos a propiciar unha renovación da poesía e da narrativa (Nova Narrativa).  As primeiras mostras deste grupo de poetas atopámolas na “Escola da Tebra”, e da que tamén forma parte Manuel María.


Principais autores:
MANUEL MARÍA.- Muiñeiro de brétemas, Terra Chá (compromiso cos homes e as mulleres do seu espazo vital).
UXÍO NOVONEYRA.- Céntrase na paisaxe do Caurel, onde naceu, e a vivencia dese entorno nos diferentes estados  temporais (as estacións). Ademais do paisaxismo, a vea social e intimista están presentes na poesía  de Novoneyra.
Algunhas obras súas son: Os Eidos 1 e 2, Elexías do Courel, Poemas caligráficos…
XOANA TORRES.- Iniciase na poesía con Do sulco, á que seguirá Estacións ao mar e Tempo da ría. O intimismo e o paisaxismo  son trazos da súa poesía, na que trata temas como o amor, a soidade, a morte, a muller e o tempo.
BERNARDIÑO  BRAÑA.- Co seu primeiro libro é o poeta do sufrimento existencial que caracteriza a Escola da Tebra.  Poema do home que quixo vivir, Profecía  do mar e Non vexo Vigo nin Cangas son tres das súas obras.
ANTÓN AVILÉS DE TARAMANCOS.- Diferéncianse tres ciclos na súa poesía. As moradías do vento (ciclo coruñés, nos 50). Poemas da ausencia, Nova crónica de Ulises e Cantos caucanos (ciclo colombiano, nos 60-70). As torres no ar e Ultima fuxida a Harar (ciclo noiés, nos 80).
(+++)
Tanto Méndez Ferrín como Arcadio Casanova inauguran a contemporaneidade poética en Galicia no sentido de acabar coa poesía social de baixa calidade que había. Intentan facer unha poesía culta pero sen abandoar o social.
MÉNDEZ FERRÍN.- Voce na néboa é a súa primeira obra, tamén escribirá Con  pólvora  e  magnolias, O fin dun canto, Poesía  enteira de Heriberto Bens, Estirpe e Contra maquieiro. (++)
A súa obra está  chea  de  referencias  culturais de todo tipo, de imaxes moi elaboradas e gran riqueza léxica. Os temas son o sentido da vida, a morte, a reivindicación social de Galicia... 
ARCADIO CASANOVA.- No seu libro Mesteres Emprega recursos fónico-expresivos que acercan esta poesía aos salmos e á recitación oracional. Transmite mensaxes desoladoras e saudosas. Está na liña de Uxío Novoneyra.








TEMA 6.- A prosa entre 1936 e 1976: os renovadores da prosa (Fole, Blanco Amor, Cunqueiro e Neira Vilas).


A guerra civil pon fin a etapa política e cultural máis brillantes da historia galega. A guerra reprimiu as actividades políticas e culturais e os seus protagonistas ou foron asasinados como Ánxel Casal ou Isaac Díaz Parga, ou tiveron que exiliarse como Luís Seoane, Díaz Pardo, Blanco Amor, Cunqueiro ou Castelao.
Desaparece a produción literaria en galego por completo. Pero boa parte da cultura resistiu en Bos Aires.
No 50 aparece A xente da Barreira, primeira novela en galego, de Ricardo Carballo Calero. Tamén se funda a editorial Galaxia, editorial que supuxo un continuado renacer da cultura galega. Os homes de Galaxia crean tamén a revista Grial. En coleccións como Salnés  ou Illa Nova conviven xeracións diferentes que comezan a publicar nun primeiro momento poesía e un pouco máis tarde prosa.
Galaxia abre unha nova etapa da literatura coa publicación de libros e revistas establecendo como obxectivo fundamental transmitir a cultura galega ás novas xeracións (Ferrín, Carlos Casares). Non só reeditando aos clásicos da literatura galega senón abrindo a lingua a outros ámbitos científicos o que provocou a actuación da censura franquista.
Nestes anos temos continuadores da tradición narrativa do Grupo Nós que segue Carballo Calero con A xente da Barreira ou o propio Otero con Ente a vendimia e a castiñeira.

Os narradores fundamentais da literatura de posguerra son: Álvaro Cunqueiro, Blanco Amor, Ánxel Fole e Neira Vilas.

ÁLVARO CUNQUEIRO  (realismo fantástico)
Cunqueiro nace en Mondoñedo e o seu pai era boticario e máis tarde estudará en Lugo e Santiago, polo tanto vive sempre nun ambiente culto xa dende neno. De  neno escoitou moitos contos o que influíu no seu gusto pola maneira tradicional de contar  e polo predominio da oralidade no seu estilo. Fundou en Mondoñedo a revista  poética Papel de Color. Máis tarde dedicouse ao xornalismo, concretamente en Faro de Vigo e El Pueblo Gallego,  con  colaboracións  moi  variadas:  traducións,  crítica  literaria,  gastronomía,  historia,  xeografia, arte...
A súa literatura caracterízase por un realismo fantástico, o máxico existe co real e ninguén se estraña. Por iso é usual atoparnos elementos fantásticos nun mundo histórico, mítico e real, sen unha datación no tempo concreta. Personaxes da literatura universal (Merlín, Simbad…) comparten con xentes do pobo galego vivencias e preocupacións.
Trátase dunha literatura que mestura elementos culturalistas de orixe árabe (Simbad), greco-latina (Orestes) ou nórdica (Merlín) con recursos provenientes do mundo popular, de xeito que consegue ligar o máis profundo da nosa imaxinación colectiva a temas literarios de carácter clásico.
Moi influenciado polo culturalismo, presta grande atención á materia de Bretaña e ao mundo medieval e céltico e predomina na súa narrativa o sentido do humor.
Escribe con narradores omniscientes e con unha sintaxe complexa e elaborada. As narracións son lineais e directas pero non se caracterizan por moita contextualización, o importante é o que sucede.
As súas principais novelas son: Merlín e familia (foi a súa primeira obra narrativa en galego e recrea a materia de Bretaña dende a particularidade dunha perspectiva galega),  As crónicas do sochantre,  Se o vello Simbad volvese ás illas;
Escribiu tamén libros de breves relatos de personaxes populares con toda a aparencia de seres reais, aínda que ás veces os seus poderes ou aventuras sexan de natureza marabillosa, relacionadas coas crenzas da nosa cultura tradicional. Os seus principais libros de relatos son: Escola de menciñeiros, Xente de aquí e acolá, Os outros feirantes.
BLANCO AMOR(realismo social)
Toda a súa narrativa se desenvolve en Ourense (que el chama Auria) a principios de século, no ambiente que el vivira de neno.  A súa infancia foi triste pola mala saúde e a separación dos pais. Coñece a moitas figuras importantes na literatura no instituto (Risco), na Arxentina (Borges), viaxando por Galicia (Castelao). Comezou cultivando a  poesía (é un dos  poetas  da vangarda)  nos  anos  anteriores  á  guerra,  pero acadará moita  maior  importancia como narrador.
A súa narrativa plasma a vida das clases obreiras ou marxinais, denunciando as inxustizas que padencen.
É un narrador moderno, as personaxes son tipos reais e psicolóxicos, con predominio da primeira persoa pero con pluralidade de voces narrativas. Está influenciado pola novela picaresca que se pode observar no gusto polas personaxes marxinais. É vangardista, sobre todo en A Esmorga.
Unha das súas obras principais é  A esmorga  de carácter vangardista (renovación na narrativa galega da época), tanto na temática (protagonismo compartido, das clases populares) como na forma (técnica telefónica). Outra moi relevante é Xente ao lonxe que é unha radiografía do Ourense de principios de século a través da experiencia dun grupo de traballadores, vinculados a organizacións de carácter obreiro e sindical, que  loitan por unha escola laica e popular fronte á burguesía que pretende unha escola relixiosa.
Tamén podemos destacar Os biosbardos  que tamén está ambientada no seu Ourense natal. Blanco Amor segue o camiño da preocupación pola problemática social. 


ÁNXEL FOLE:   (realismo popular)
Nace en Lugo no seo dunha familia fidalga. Antes da guerra desenvolve unha actividade nacionalista pero despois decántase por unha actividade culturalista, chegando a traballar como xornalista en El Progreso e impartindo clases particulares..
Na súa narrativa amósase unha temática rural con elementos misteriosos e míticos, típicos da tradición oral (aparecidos, lobos, supersticións, lendas populares...) e combinados cun agudo sentido do humor e normalmente explicados pola lóxica. O popular ascende á categoría de culto a través dun texto que nunca se afasta do relato oral, da xeografía luguesa, da lingua dialectal.
As súa obras está formada case exclusivamente  por libros de contos como Á lus do candil e  Terra brava ambientados nesas montañas  de Lugo e escritos coa  lingua que alí se fala. 


NEIRA VILAS:   (realismo rural)
Foi un escritor que emigrou a Buenos Aires e a Cuba, lugares onde destacou polo seu labor a prol da cultura galega. Pero aínda que incorpora algunha técnica innovadora está moi afastado dos autores da Nova Narrativa Galega.
A temática da obra de Neira Vilas xira arredor da realidade campesiña e a emigración que nacen moitas veces da experiencia vital do autor, cunha  perspectiva de denuncia social. A narración é simple, sen grandes artificios léxicos nin cultismos.
A súa principal obra é Memorias dun neno labrego. Nela, un neno labrego, traballador, pobre, rememora a vida  de pobreza e inxustiza no agro.  O ciclo do neno atopámolo en máis obras: Cartas a Lelo, Aqueles anos do Moncho...
O tema da emigración trátao en obras como Camino bretemoso e Remuíño de sombras. Mostra os problemas xerados a causa da emigración forzosa: a morriña da terra, a loita por saír da miseria…

TEMA 7.- A Nova Narrativa galega. Características, autores e obras representativas.


Galicia despois da guerra civil sufriu a ditadura franquista. A segunda guerra mundial rematará no 1945 o que provocou unha situación desastrosa en España, xa que había fame e os alimentos escaseaban.
Foi na década dos 50, cando se iniciou a recuperación da literatura galega. Xurdiu un grupo de mozos que incorpora á nosa narrativa novos motivos e novas técnicas relatoras, son os integrantes da Nova Narrativa Galega. Non se pode falar en sentido estrito dunha escola ou grupo homoxéneo, mais úneos a súa formación universitaria, con claras inquietudes galeguistas, viaxeiros por Europa e coñecedores da literatura europea e americana. E no plano literario, a súa intención innovadora e o desexo de ruptura formal coa tradición narrativa.
A “Nova Narrativa Galega” é un movemento de renovación temática e técnica no que incluímos un conxunto de obras  publicadas entre 1954 e 1971. Compartían actividades con outros narradores e poetas dos  50: publicaron a colección “IIla Nova “ de Galaxia, participaron nas Festas Minervais...
Están especialmente influenciados polo Nouveau Roman (novela nova) que é un movemento literario que ocupa as décadas dos 50, 60 e 70 na literatura francesa. Os principais trazos das obras deste movemento son:
-       Ambientación en mundos imaxinarios e situacións absurdas e irracionais
-       Cousificación do humano e a súa animalización (a deshumanización do ser humano como froito da problemática social)
-       Concédelle ás cousas a mesma importancia que aos personaxes, que deixarán de ser o centro
-       Creación de personaxes problemáticas (antiheroes)
-       Antisentimentalismo
-       Multiperspectivismo e a pluralidade de voces narrativas, que se alternan e superpoñen, mesturando ás veces as persoas gramaticais.
-       Inventos lingüísticos
-       Fusión xenérica
-       Técnica cinematográfica (Enfoque obxectalista no que o narrador non rexistra máis que os feitos que percibiría unha cámara)...
Ten como obxectivo a implicación do lector facéndoo buscar no subconsciente dos personaxes as razóns da súa conduta e a reconstrución da historia baseándose nas diferentes perspectivas que se lle dan.
Estes autores incorporan á literatura galega técnicas  e temáticas da literatura universal, como a presenza do complexo mundo do subconsciente: traumas, soños, símbolos... (Freud).  a técnica do monólogo interior (Joyce), o clima de irrealidade e o mundo atormentado con protagonistas illados e impotentes ante unha realidade absurda (Kafka), a desorde cronolóxica (Joyce e Faulkner), o obxectalismo  (Claude Simon), a descrición minuciosa dos estados de ánimo (Proust)  ou  a narración obxectiva (John Dos Passos).
Aínda que con estéticas moi diferentes, podemos  encadrar as  seguintes obras dentro da Nova Narrativa:
*Gonzalo R. Mourullo: Nasce un árbore.
*Xohana Torres: Adiós, María,obra na que trata o tema da emigración.
*Carlos  Casares : Estréase  con  Vento  ferido como  narrador,  un  libro  de  relatos  con  temática  e  técnicas  variadas. Cambio en tres tamén podemos incluíla como unha obra moi renovadora. Máis tarde publicou  Ilustrísima e Os mortos daquel verán nas que a narrativa xa é máis sinxela e realista.
*Méndez  Ferrín: é o autor máis destacado cunha obra moi extensa e moi relacionada entre si, formada por novelas e relatos curtos que comparten a creación dun  mundo fantástico, con forte presenza de violencia e elementos políticos. Tematicamente, trata o absurdo e a falta de sentido da vida, con influencia do existencialismo.
Estaba influenciado por J. R. Tolkien, a quen lle dera clases en Oxford, no aspecto de trasladar o ben e o mal a un mundo paralelo. A produción literaria deste autor segue sendo importantísima ata a actualidade.
Obras: Crónica de Nós, Antón e os Inocentes, Percival  e  outras  historias, Arnoia Arnoia, Arraianos  e No ventre do silencio.  

TEMA 8.- O teatro galego entre 1936 e 1976: a Xeración dos 50 e o Grupo de Ribadavia.


O teatro sufriu aínda máis que os outros xéneros narrativos as consecuencias da guerra e a posterior ditadura, ao ser impensábel un espectáculo público teatral en galego e a súa pervivencia é posíbel grazas ao labor do exilio A prohibición dos usos públicos da lingua galega ocasionou tamén a conseguinte  desaparición das representacións durante os primeiros anos do franquismo, actividade que tanta  significación tivera na época das Irmandades da Fala. A aposta polo xénero levada a cabo pola  xeración “Nós” viuse truncada ante a imposibilidade de representar as obras.
Ata mediados dos 50 a actividade desprazouse ao exilio onde se conseguiu recuperar e  continuar o discurso literario, sobre todo en Bos Aires, onde se estreou en 1941 Os vellos non  deben de namorarse, de Castelao, cunha enorme repercusión dadas as circunstancias polas que  estaba a pasar a cultura en Galicia.
Mentres na emigración e no exilio se producían obras  e se realizaban estreas, o teatro en  Galicia vivía sumido nunha depresión profunda.
Podemos dividir o teatro destes anos en dúas etapas: a Xeración dos 50 e o Grupo de Ribadavia.

XERACIÓN DOS 50:
Os primeiros textos teatrais despois da guerra foron O desengano prioiro (Otero Pedrayo)e A Serpe (Marinhas del Valle). É un teatro máis pensado para ler que para representar xa que o escribiron tendo en conta a situación teatral do momento. Estaba dirixido a unha minoría intelectual galeguista e coñecedora do teatro francés, que utilizaba os mitos e personaxes da traxedia clásica grega para expoñer conflitos do mundo actual, e con influencia do existencialismo. Os temas destas obras  teñen que ser aqueles que poidan non ser censurados.
Son os poucos autores que se decantaron polo xénero na época da ditadura, entre eles cabe  destacar: 
¦ Cunqueiro: Considerado por moitos o gran dramaturgo galego. E  O incerto señor don  Hamlet é a súa obra máis relevante na que fai unha nova lectura do personaxe shakespeariano e dos seus problemas. Outra da súas obras é A noite vai coma un río.
¦ Carballo Calero: Escribiu teatro antes da guerra civil e despois dela varias obras dramáticas entre enlas: A farsa das zocas (inspiración popular); O fillo e Isabel (realismo); A sombra de Orfeo, A árbore e Auto do prisioneiro (alegorías).
¦ Mariñas del Valle: Considérase o iniciador do teatro social coa obra A revolta que foi premio Castelao de Teatro Galego.
¦ Daniel Cortezón: Escribiu teatro social: Prisciliano, Os Irmandiños.
¦ Manuel María: Escribiu teatro popular, sen complicacións narrativas nin escénicas. Unha das súas obras é Entremés da Otan.






XERACIÓN DE RIBADAVIA OU DO ABRENTE:
A mediados dos sesenta a mellora da situación social e económica propicia unha certa actividade teatral, malia ser sempre o xénero menos cultivado da literatura galega. Ademais  recuperación cultural influirá na normalización teatral.
No 1965 xorde o grupo teatral O Facho, dirixido por Manuel Lourenzo, que será tamén o fundador, dous anos máis tarde, do primeiro grupo independente, o Teatro Circo. Extraordinaria importancia terán as Mostras de Teatro de Ribadavia, punto de encontro para os xa abundantes grupos teatrais independentes e estímulo para os autores, que poderán ver representadas as súas obras.
A actividade teatral reflíctese no concurso Castelao de textos teatrais creado pola agrupación cultural O galo, na fundación do Teatro Circo, na celebración do Certame Nacional de Teatro Infantil na Coruña creada pola asociación cultural O Facho e na I mostra e I certame de Teatro Galego de Ribadavia creados pola asociación cultural Abrente.
A actividade xurdida arredor de dita mostra ( representacións, debates e concursos de  textos) foi fundamental para a recuperación do teatro neses anos. Os autores que se deron a coñecer grazas  a esta mostra denomináronse  Xeración Abrente ou de Ribadavia, e foron, principalmente: Manuel Lourenzo, Roberto Vidal Bolaño e  Euloxio Ruibal.
Ö Manuel Lourenzo: É un dos autores máis prolíficos da dramaturxia galega, é moi polifacético no ámbito teatral (actor, director e autor teatral). Dentro da súa extensísima obra podemos sinalar tres ciclos:
- Ciclo mítico clásico, no que recrea personaxes míticos do teatro grego, como Electra ou Fedra.
- Ciclo histórico ou metateatro con pezas como A canción do deserto, A ilusión da escena
- Ciclo experimental ou de innovación: Teatro mínimo, Veladas indecentes...

Ö Euloxio Ruibal: Deuse a coñecer no I Concurso Abrente de Ribadavia co drama  Zardigot  onde varias secuencias de estilo cinematográfico serven para amosar a incidencia da Guerra Civil nunha familia galega. Esta obra está moi comprometida coa realidade social e política do país.
Podemos diferenciar dúas fases no seu teatro: unha primeira na que escribe sobre a Guerra civil (Zardigot, O cabodano) e unha outra a partir de 1988 na que escrebe textos máis cómicos e satíricos sobre a situación galega. (Teatro infantil, Brinquemos ó teatro). Hai que mencionar tamén a súa contribución ao seu teatro infantil.

Ö Roberto Vidal Bolaño: Foi tamén autor, actor e director. O seu teatro tivo dúas tendencias: o influxo  da dramaturxia anterior con textos de raíces populares e a complexidade temática e formal da visión pesimista da existencia humana.
Algunhas das súas obras teatrais foron:
Denuncia: Laudamuco, señor de ningures  e Bailadela da morte ditosa.
Metateatro: Touporroutou da lúa e o sol.
Social histórica: Agasallo de sombras  e As actas escuras.